Así, a primeira vista de Google, amais de que este ano o 19 de marzo volve aparecer en vermello no almanaque, para afortalar a deliciosa listaxe de pontes festivas dun 2008 que, por moi bisesto que sexa, neste punto vaise portando, e de que a ONCE realizará un sorteo extraordinario para quen soñe con non volver a rastrexar ansiosamente o mesmo calendario, o Día do Pai é campo abonado, coma tantos outros, para mercadurías e desvaríos varios … unha homenaxe máis á febre consumista, esa trampa ou rede á que nos deixamos ir mansamente porque o queremos tanto, e fixo tanto por nós e segue a ser un exemplo (por exemplo).

Pero atención, porque se aquí ao pé da reportaxe nos aportas a idea dun agasallo, que non supere o ‘límite razoable’ de 50 €, e a túa idea é a elixida como a máis orixinal ou vistosa polo equipo Nx, podes delegar en nós as túas “competencias de fillo/a”, isto é, Novaxove mercará ese mesmiño agasallo, e mandarallo ao teu pai a onde ti nos indiques e da túa parte … ¿que máis queres? ¡¡¡Participa!!!

 
Podería ser unha boa idea para incorporar ao mercado do Día do Pai, e resolverlles tamén a papeleta aos máis ‘peques’, comercializar unhas boas imitacións deses garabatos que faciamos no colexo co gallo deste día e que sempre sempre poñían “quérote papá” ou algo así. Ou tamén réplicas exactas deses cinseiros de barro ou o que fosen, esas birrias amorfas, que sen embargo a eles lles facían tanta ilusión (ou iso parecía) … mais como xa fomos medrando e aínda que estes agasallos se patentasen non nos ían beneficiar nin o máis mínimo, haberá que buscar algunha outra cousa menos “riquiña” que cumpra a mesma función. 
 
Mentres lle dás voltas a unha boa idea para un agasallo moi especial e orixinal, nós imos darche un par de ideas que atopamos pola rede, entre outras moitas (xa sabes) pero dende logo nada típicas. 
 
Shirtcity 
 
Esta camiseta, por exemplo, se cadra non é o mellor dos agasallos, mais en cambio é moi honesta. A marca Shirtcity   quixo aproveitar a proximidade do Día do Pai para adicar a este data a súa camiseta da semana, cuxo prezo é moi coherente coa mensaxe que porta,  xa que por menos de 15 € podes mercar unha destas míseras camisetas para agradecer ao teu pai tantos anos de esforzo, mais, iso si, recoñecéndoo.
 

Tamén podes regalar a teu pai a botella medio chea, bo humor para enfrontarse aos temporais atlánticos co mellor dos seus sorrisos, porque aínda que o vendaval e as ondas leven medio paseo marítimo na Coruña, el camiñará baixo un estupendo e reconfortante ceo azul grazas a este paraugas do Museum of Modern Art collection. Atopámolo en The Spoon Sisters , haino en varios tamaños, e pode mercarse dende $35.
 

Ao mellor xa é algo tarde, pero a nosa terceira suxerencia é esta guía ilustrada para ser un bo pai, e mesmo un pai modelo; unha serie de útiles consellos que non teñen desperdicio para proxenitores despistados e sobre todo primeirizos. O ‘manual’ está ilustrado por David e Kelly Soop e pode mercarse en Amazon por $9,95. 

Seguramente máis orixinais que os propios agasallos e produtos para este día, son as campañas de marketing das grandes marcas, que depois do Nadal e do recente día dos Namorados atacan de novo co gallo do Día do Pai. Así, Electrolux facía público un oportuno estudo sobre os lavalouzas O día de San Valentín onde concluía que o 34% das parellas teñen discusións sobre quen lava os pratos e que, sen embargo, o 60% dos enquisados manifestaban que dende que mercaran un lavalouzas as discusións  reducianse até desaparecer; pois ben, a marca Dyson Dyson DC16 non quixo ser menos e acaba de aportar os seus propios datos para o Día do Pai: os homes están máis dispostos a limpar a casa se teñen unha aspiradora desta marca, unha ‘nova realidade’ que resumen “Limpiar no volverá a ser una faena para ellos, más bien una tentación a la que ningún hombre se podrá resistir”; e todo isto para promocionar o seu novo aspirador de man Dyson DC16, anovadora tanto en prestacións, coma en tecnoloxía e deseño.

E é que o comercio saca proveito de todas as datas festivas habidas e por haber, e o Día do Pai non é unha excepción, pola contra, cada vez vai acadando maior importancia na axenda anual das campañas promocionais que programan as tendas e os centros comerciais; así, se ben son consideradas ‘menos fortes’ que as dirixidas ao Día da Nai, estas campañas cada vez son máis agresivas por mor da reestruturación da sociedade, cuxa consecuencia é a asunción de novos roles por parte do home e a transformación da  figura convencional do pai.

Unha das campañas máis significativas a este respecto, é a que emprendeu un xove creativo no Día do Pai do ano pasado baixo o nome Esperma d’Or, e que consistía en anunciar a subasta do seu esperma en e-Bay : “24 años, con estudios universitarios, 4 idiomas, SANO (Con CERTIFICADOS MÉDICOS de garantía), no fumador, cosmopolita (he viajado a 15 países y he vivido en 3 provincias), alto coeficiente intelectual según los tests. Actualmente vivo en Barcelona“. O fin último era verderse a si mesmo, é dicir, conseguir traballo nunha axencia de publicidade, obxectivo que acadou ao ser contratado pola axencia DoubleYou – referente en España en creatividade interactiva -. A subasta foi censurada por e-Bay rapidamente, pero a repercusión nas canles públicas e privadas, nacionais e internacionais, foi enorme. Aquí podes seguir o desenvolvemento da autocampaña, que orixinalmente era un exercicio de novos formatos de marketing, un traballo para a escola de creativos Complot onde os seus profesores lle puxeran a seguinte tarefa: Faite famoso. Supoñemos que a nota foi, como mínimo, sobresainte.

  • Share/Bookmark